Azucre relata unha peripecia histórica bastante descoñecida, a escravitude de galegos na Cuba colonial de mediados do século XIX. É posible escapar da fame, da miseria e do atraso de Galicia? Para os protagonistas do relato, si, pero facelo require deixar atrás todo e embarcarse na procura dun mundo que na súa imaxinación é o camiño para acadar a riqueza.
É unha novela de viaxes que comeza cunha viaxe menor, que os conduce ao porto da Coruña, para logo embarcarse nunha maior: a aventura de cruzar o Atlántico. A estrutura do relato xa nos avisa de que o camiño dos diferentes personaxes de procedencia xeográfica diversa e con acontecementos persoais que aínda están roendo e que teñen que levar no lombo, van confluír nalgún momento.
Cuba ofrécelles un contraste brutal co mundo do que veñen, unha illa luminosa e cálida fronte ao gris da súa Terra. Pero pronto descubrirán unha realidade moi diferente da que imaxinaban nos seus soños. Un relato cheo de contrastes, estruturado en capítulos breves e cunha linguaxe austera. Unha sólida primeira novela de Bibiana Candia editada por Pepitas de Calabaza.