Encontro con Xesús Fraga

O venres 17 de marzo, ás 19:30 horas, Xesús Fraga vai a estar en Wells para falar de Virtudes (e misterios), a novela pola que vén de recibir o Premio Nacional de Narrativa. O acto, que tivemos que adiar o pasado outono por motivos de saúde, vai ser conducido polo poeta Anxo Mena.

Contar a historia da emigración na Galicia de mediados do século XX dende a perspectiva dos retornados, velaí o obxectivo de Xesús Fraga neste libro. Pero Virtudes (e misterios) tamén é un percorrido pola historia da súa familia e unha visión da vida das mulleres galegas durante o século. Porque no íntimo e persoal sempre hai algo de universal. Narrado de forma sinxela cunha prosa rica, unha estrutura orixinal e un ritmo preciso, conta a experiencia da emigración a Europa. Un tema que na literatura galega, e tamén na literatura española, non adoita aparecer. Por algo acadou os premios que acadou e continúa seducindo aos lectores.

Xesús Fraga (Londres. 1971) é xornalista, tradutor e escritor. Publicou literatura infantil e xuvenil, narrativa para adultos e un libro de cociña. Traduciu ao galego e ao castelán a Julian Barnes, Vladimir Nabokov, Roald Dahl, Robert MacFarlane ou Sylvia Plath. Dende 1996 traballa para o xornal La Voz de Galicia, onde forma parte da sección de cultura.

Volver arriba