Catro libros informativos do 2020

Para nenos e nenas que queren renovar a biblioteca, nais e pais que queren espertar a curiosidade dos seus fillos e para amantes dos libros bonitos, aquí van catro ideas de álbumes informativos que apareceron nos últimos meses. Por suposto, esta entrada tamén pode dar ideas para facer un agasallo en nadal.

Astronautas de Chang-hoon Jung e In-kyung Noh (Ekaré)

Seguindo a estela dos libros informativos que non se limitan a proporcionar contidos, esta publicación coreana cóntanos todo o que un neno ou nena pode querer saber sobre as viaxes espaciais: as fases que pasa un cohete até que se acopla a unha estación espacial; que sucede co noso corpo ante a ausencia de gravidade ou como é a vida dos astronautas. Todo isto narrado como se se tratase dun caderno de bitácora.

Grecomanía de Emma Giulianni e Carole Saturno (Maeva)

Tomando a estética, o formato e a presentación de Egiptomanía, Emma Giuliani e Carole Saturno convidan desta vez aos lectores a coñecer a Grecia antiga. Un fermoso álbum con lapelas e troquelados para público de todas as idades que, ademáis de ter un carácter didáctico, converte a acción de pasar as páxinas dun libro nunha experiencia inmersiva. Perfecto para espertar a curiosade sobre o mundo clásico.

COMO SE HACE UN MUSEO de Ondřej Chrobák e Martin Vaněk (Nórdica)

Neste interesante volume, os curiosos atoparán todo o que queiran saber sobre os museos e as exposicións. Descubrirán cando se creou o primeiro museo, que traballos se realizan neles e quen os fai, como chegan alí as obras de arte, como se almacenan as que non se expoñen, como se restauran as danadas ou como se monta unha exposición. Todo un compendio que se pode ler con amenidade.

MICROBIOS MONSTRUOSOS de Gert Bouckaert e Marc Van Ranst (Takatuka)

Con capítulos curtos e unhas ilustracións moi divertidas, este libro belga plantea preguntas e ofrece respostas moi prácticas para dúbidas que poden ter as crianzas en tempos de pandemia. Por que hai que lavar as mans antes de comer? Que son os antibióticos? A que virus venceu a ciencia? O coronavirus é o peor virus? Tátase dun volume publicado hai uns anos, actualiado en 2020 no que o virólogo belga Marc Van Ranst achegaba o seu traballo aos pequenos.

Volver arriba