En Wells nunca nos esquecemos dos nenos e nenas. Para eles tamén chegaron as vacacións, o tempo de praia e a liberación de horarios. As horas en que non podemos estar na rúa, as noites de sobremesa son un bo momento para ler con tranquilidade, para compartir cos amigos e amigas as súas descubertas.
Para botarlles unha man, seleccionamos catro títulos que teñen moito que ver coas viaxes. Catro títulos que falan de viaxes nun sentido amplo e que, nalgún caso, tamén teñen relación co verán.
Los Viajes. Europa
Hai moitas maneiras de ler, unha delas é mirar, aínda que non sempre se sabe valorar a importancia da mirada nos libros. Este libro de Mitsumasa Anno é un clásico das viaxes co que medramos os lectores e lectoras dos anos 80. Sen texto relata a historia dun viaxeiro, unha descrición visual dos lugares polos que pasa e a pegada que a cultura e a forma de vida local deixaron na súa memoria. Ao longo das páxinas atoparemos detalles que sorprenden, obrigan a remirar e a rebuscar por que as esceas nos resultan familiares. Esta nova edición contén ao final dous textos reveladores pero que non precisamos ler para entender o libro. Un imprescindible.
El kiosco
Unha das sorpresas do último ano en libros infantís é este álbum de Anete Melece. Sorpresa pola opción da técnica de ilustración e os personaxes, tan infrecuentes na literatura infantil. O bo uso iniciático da banda deseñada, a ausencia de descricións inútiles no texto. Valoramos moitísimo a ensamblaxe de texto e ilustración, de maneira que se eviten duplicidades. A autora evita o esforzo de describirnos no texto a Olga, a protagonista, e faino nunha ilustración que xa o di todo. Olga traballa nun kiosco polo que pasan a diario unha chea de personaxes, uns mercan e algún simplemente circula. Unha das súas lecturas preferidas son as revistas de viaxes, e accidentalmente vese literalmente arrastrada a unha viaxe que remata de forma sorprendente e que a obriga a transformarse.
Hacer dedo
Se Olga puidese escoller outra forma de viaxe quizais se tería atopado con todos os personaxes disparatados que habitan este libro de Guilherme Karsten. Pode que a orixe non teña importancia pero se Karsten non fose brasileiro, quizais as súas ilustracións terían matices e cores totalmente distintas. A través do recurso acumulativo, os protagonistas están presentes en todas as páxinas. Neste traxecto que vai da cidade á praia, a historia vai acumulando ademais de personaxes, equipaxes, medos e prexuízos. O remate explosivo e sorprendente propiciará unha fervenza de preguntas e deixa aberta á imaxinación dos lectores o remate da historia. Un deleite.
El castillo de arena
A última recomendación é unha invitación a imaxinar. A protagonista desta historia chega a unha praia e constrúe un castelo de area. A partir de aí o lector pode ver como ese castelo vai ser habitado por unha serie de personaxes atraídos polas festas, ceas e bailes que se celebran nel ao tempo que adquire unha dimensión inimaxinable. Reis e raíñas de todas as partes do mundo gozan nos seus salóns, sérvense xeados e pasteis a todas as horas… Pero unha mañá algo transforma a vida de todos eles e vai acabar co estado de felicidade permanente. Einat Tsarfati fai un libro para os que saben apreciar e gozar do descubrimento dos detalles e da morea de personaxes.