Anno. Cando os libros serviron para algo que máis que ler

A inicios dos oitenta chegaron unha serie de libros sorprendentes porque non tiñan texto. E daquela os libros soamente servían para ler, cousa que aínda hai quen segue crendo.

O protagonista era un enigmático cabaleiro que viaxaba e o único texto era un epílogo con algunha pista que nos axudaba a localizar elementos importantes da cultura daqueles lugares que visitaba. Moitos nenos aprenderon a ver grazas a aqueles libros nos que percorriamos Europa.

O responsable desas obras era un debuxante xaponés de trazo detallado, Mitsumasa Anno (Tsuwano, 1926), que situaba o plano a unha distancia, co que dicía que os pequenos detalles non importaban, que o que valía era ver o conxunto. Propoñía un xogo de descubrir, de aprender a mirar. Ás veces Beethoven asomábase a unha fiestra ou coñeciamos o escenario dunha gran obra de arte.

Agora Kalandraka reedita a súa obra e comeza por un libro inédito en España, Ocultos en el bosque.

Para os que queiran coñecer máis deste ilustrador que nos deixou en decembro de 2020, nada mellor que achegarnos á exposición virtual “Anno’s Journey” montada pola Casa de Xapón en Londres.

Volver arriba