Lecturas para un novo verán

O verán acaba de chegar e sempre é unha boa estación para os lectores: non hai novidades, vacacións, xornadas máis longas e, en resumo, moito máis tempo para ler. Por iso en Wells aproveitamos para recomendarvos algúns títulos recentes que a nós nos gustaron.

Non esquecemos a novela negra, xénero moi valorado polos que buscan, sobre todo, entreterse. Tampouco un libro de poesía que mostra a potencia e o brillo que teñen nos últimos anos os poetas en lingua galega. E para os que buscan un ensaio cun tema actual e ao memos tempo asequible, vai un libro sobre a nosa relación coa tecnoloxía e a mercantilización da nosa atención.

La desaparicion de Adéle Bedeau

Novela ambientada nas tres fronteiras, o lugar no que o Rhin une, ou separa, Francia, Alemaña e Suíza. Alí, en Saint-Louis, conflúen dous personaxes: Manfred Baumann, un tipo obsesionado por Adèle, a camareira dun bistró; e Gorski, un policía atrapado nun matrimonio anodino nunha cidade provinciana. Cando Adèle desaparece, todo apunta a Baumann e Gorski convértese nun cazador obsesionado en chegar á verdade. Un relato que mantén a tensión e o interese do lector ata a última páxina.

Tres

Orna, Emilia e Ella son tres mulleres correntes, das que parece que non teñen voz, que loitan por saír adiante. Viven en Tel Aviv, non están no seu mellor momento e ás veces non contan a verdade. A conexión entre elas é Guil, un avogado que non é quen di ser. Nesta novela dividida en tres actos vas atopar os elementos característicos do xénero policiaco (suspense, xiros, personaxes estraños) presentados dunha forma que non é a habitual. Libro imprescindible para os lectores que sinten paixón pola intriga psicolóxica.

Lixeiro

Durante a promoción deste libro Ismael Ramos contou que el fai libros. Tanto ten se o contido é unha novela, unha compilación de contos ou unha colección de poemas. Aínda que até agora o resultado sempre entra nesta última categoría. Unha afirmación que pode explicar por que a súa voz atrae a tantos mozos e mozas, en moitos casos sen ser lectores de poesía ou sen ser lectores de literatura en galego. Lixeiro é un libro xeracional, escrito para os seus amigos, que fala con luz e esperanza dos desencantos no transo cara a idade adulta.

El país de los otros

Esta é unha novela de mulleres, pero lonxe de cotas, incluímola porque Leila Slimani escribiuna sen ornamentos superfluos dun xeito áxil e eficaz e con axilidade e eficacia narrativa. Desenvólvese entre dous mundos, a Europa na que naceu a nai, e o Marrocos do pai. Recrea o choque cultural no periodo colonial dunha forma magnífica, trasladando fielmente as contradicións e os conflitos que xorden na convivencia entre dous conceptos culturais e sociais diferentes, cos prexuízos como pano de fondo. Pero tamén entre as aspiracións delas, nai e filla, e o conformismo do marido e unha parte da súa familia.

Alguien camina sobre tu tumba

Durante anos, a escritora arxentina Mariana Enríquez aproveitou as viaxes a diferentes lugares para visitar camposantos. As motivacións eran diversas: a súa beleza, a súa historia, a mitomanía ou o morbo. Neste libro recopila esas experiencias. Pode parecer un proxecto algo macabro, pero o resultado é un caderno de viaxe singular, cheo de referencias literarias, cun chisco de humor e para tirar do fío da historia. Publicado por primeira vez na Arxentina en 2014, nesta nova edición amplia o número de capítulos.

Atención radical

Nun mundo no que estamos permanentemente conectados a Internet, padecemos un auténtico bombardeo de estímulos: videochamadas, mensaxes de whatsapp, notificacións, etc. Neste contexto, a nosa atención é un ben moi preciado co que que as empresas tecnolóxicas mercadean e motivo dunha dura competencia entre elas. En parrafos curtos, con apuntes da opinión de estudosos, con acontecementos significativos dos últimos anos ou con experiencias persoais, Julia Bell construiu un libro moi potente que se publicou en Inglaterra pouco despois do peor da Pandemia en 2020.

Volver arriba